venres, 27 de maio de 2011

Conectores incorrectos

A influencia brutal do Español está a causar que determinados conectores, nomeadamente de tipo textual, escoen no Galego e para moitos falantes sexan habituais, aínda que non son correctos. Eis os principais:


* A PROPÓSITO
É incorrecto cando se usa no canto de a mantenta, adrede, de propósito, propositadamente
  • Rompeu o televisor a propósito/ de propósito / a mantenta
Porén, non é incorrecta a construción a propósito de (=a respecto de):
  • Non comentou nada na xuntanza a propósito dos planos da concurrencia.
Tamén é correcto usado como conector que muda para un tema diferente do que xa hai referencias:
  • A propósito / falando diso / por falar diso, cando celebras o teu día de anos?

*ASÍ COMO
Debe ser substituído por ben como:
  • Tivo que pagar unha multa, así como/ ben como lles pedir desculpas ás vítimas

*ASIMESMO
Debe ser substituído por ademais, alén diso:
  • Asimesmo/ademais/ alén diso, os estudantes han realizar outra proba posterior.

* EN CANTO
debe ser substituído por así que, axiña que, da que
  • En canto/axiña que chegou, xa o recoñeceron
Cómpre sinalar que en galego existe canto á equivalente ao español en cuanto a:
  • Non teño nada que comentar canto á / a respecto da súa proposta.
  • Canto ao / a respecto do que fixeron, paréceme atroz.
Con todo, o uso de encanto co mesmo valor de mentres é correcto en galego, aínda que as normas oficiais non o recollan.

*POR CERTO
É totalmente incorrecto. Véxase enriba a propósito.

*POR SUPOSTO 
debe ser substituído por certamente, sen dúbida, loxicamente; claro.
  • O tipo era, por suposto/certamente, o culpábel
  • Por suposto/certamente, eu fun o primeiro que chegou.

*RESPECTO A
A forma correcta é a respecto de (pt. a respeito de). Véxase supra *EN CANTO A.

*RESULTA QUE
aínda que pareza absolutamente normal, este conector verbal é un castelanismo absoluto que debe ser evitado. Debe ser substituído por acontece/aconteceu que, pasa/pasou que, sucede que, é que:
  • Resulta/sucedeu/pasou/ é que houbo un maletendido 

Para a escolma das formas correctas, recorremos ao Portugués, tal como é recomendado nas Normas Oficiais do Galego cando se trata de procurar modelos cultos.